Etiqueta: Faro de Corrubedo
1955 Corrubedo faro

O Faro de Corrubedo terminouse de construir 1853, e foideseñado polo enxeñeiro Celedonio Uribe, autor de numerosas obras e reformas urbanísticas levadas a cabo en Riveira na segunda metade do s. XIX. A súa torre é de seccíon troncocónica arrincando do interior do inmoble e soporta un equipo luminoso cun foco a 14 metros de altura sobre o terreo e a 32 sobre o nivel medio do mar. Destaca a escaleira de caracol realizada na forxa de Sargadelos.
En 1856 comezou a funcionar como guía para a navegación e empregábase aceite para a iluminación, máis tarde petróleo e, na segunda metade do século XX, corrente eléctrica.
A raiz do naufraxio do Santa Isabel en 1921 a autoridade marítima decidiu que o faro emitise con coor vermello xa que a sua luz branca parece foi unha das causas da confusión no naufraxio. A partir de entón, o faro de Corrubedo empezou a coñecerse como o faro comunista.
Co levantamento militar do 36 as autoridades decidiron que pasara novamente a emitir luz branca.
A postal de hoxe ofrece unha imaxe do faro na segunda metade dos anos cincuenta do século pasado.

1955 Faro de Corrubedo
Santa Isabel, 95 anos. Estrenase na rede o documental “A lenda do Santa Isabel”

Este 2 de xaneiro cúmprense 95 anos do naufraxio do vapor-correo Santa Isabel, que embarrancou nos baixos de Sálvora en 1921 ocasionando a morte de 213 persoas, delas 64 nenos. O aniversario é aproveitado por un grupo de alumnos da Facultade de Comunicación da Universidade de Santiago para a realización do documental ”A lenda do Santa Isabel”.
O guión da reportaxe mistura tradición e historia e así se une a lenda de Mariña e a historia do naufraxio do buque. O documental recolle a morte de Roldán e como a serea Mariña decide regresar ás profundidades das augas de Sálvora. Antes bota unha maldición: o primoxénito de cada liñaxe dos Mariño debe ser entregado ao mar onde morrerá afogado. Os autores do documental fan a conexión co naufraxio do Santa Isabel onde faleceron boa parte da pasaxe e da tripulación e do que unicamente se salvaron 56 persoas.
O documental recolle a lenda como simbolismo da cantidade de xente que morre no mar e o pesar que causa nunha comunidade que vive del como é a destas costas. De feito, a reportaxe remata coa seguinte pregunta retórica: Cal é a familia desta comarca que non ten mortos no mar?. Na reportaxe interveñen Xosé María Fernández Pazos, historiador, xornalista e mestre, autor do libro “Sálvora, memoria dun naufraxio. A traxedia do Santa Isabel”, texto no que se recuperou hai caseque 20 anos a historia do naufraxio e as lendas da illa ribeirense; Antonio Piñeiro, profesor, escritor e historiador, Pura Fernández Gude, sobriña de María Fernández Oujo, unha das heroínas de Sálvora e Manuel ‘De López’ e Silva, dous mariñeiros xa retirados da comarca. O documental empeza e remata falando sobre o mar e o seu simbolismo. As entrevistas foron feitas no Porto de Aguiño, no Faro de Corrubedo, no Porto de Palmeira en O Castro en Castiñeiras. Tamén foron gravados planos na Illa de Sálvora, na Praia da Catía, en Corrubedo, en Palmeira, en Ribeira, entre outros lugares.
O documental foi gravado e editado por Antonio Mosquera Montoya, Ana Rial Maneiro, Iago Sánchez Caridad, Laura Seijo Vigo, Pablo Montero Castro, Pablo Portela Rodríguez e Sara Pérez Seijo, que traballaron intensamente na guionización, entrevistas e recursos do mesmo durante varios meses. A reportaxe ten una duración de 17 minutos e pode ser visto partir deste 2 de xaneiro 95 aniversario do naufraxio.
Antonio Mosquera Montoya, Ana Rial Maneiro, Iago Sánchez Caridad, Laura Seijo Vigo, Pablo Montero Castro, Pablo Portela Rodríguez e Sara Pérez Seijo.