25 de abril, 190 anos da creación dos concellos: da fragmentación á organización municipal moderna
A actual comarca da Barbanza e Muros Noia contaba con 32 concellos que se reducirían a 10.
A configuración dos actuais concellos galegos, ten a súa orixe no século XIX, no contexto do paso do Antigo Réxime ao Estado liberal. O actual organigrama territorial ten a súa orixe en 1833, cando se crearon as actuais catro provincias, os Partidos Xudiciais e os Concellos. O Boletín Oficial da Provincia da Coruña do 25 de abril de 1836, en base a un Real Decreto da Rexenta Mª Cristina, publica a nova división territorial que afecta a todo o Estado en base a criterios mecanicistas (os concellos non deberían medir máis de catro leguas). O Gobernador Civil da Coruña, Pío Pita Pizarro, adaptará en 1936 o Real Decreto ás circunstancias particulares de distribución da poboación galega, adquirindo a parroquia un lugar central na constitución dos concellos.

Durante o Antigo Réxime, a organización territorial caracterizábase por unha estrutura complexa e pouco definida, con múltiples autoridades e xurisdicións superpostas. Non existía unha división administrativa clara como a actual, senón un sistema baseado na pertenza a señoríos, parroquias ou territorios de diversa índole. En Galicia, ademais, os concellos tiñan unha presenza moi limitada —apenas 57 en todo o territorio—, polo que a parroquia xogaba un papel fundamental como unidade básica de organización social e veciñal.
Coa Constitución de Cádiz de 1812 iniciouse un intento de ordenar e racionalizar esta estrutura. Galicia pasou a configurarse como unha única provincia e propúxose unha nova división municipal máis ordenada e racional do territorio. Porén, a oposición ao novo modelo atrasou a súa implantación.
Non sería ata o trienio liberal (1820-1823) cando se retomou o proceso, aínda que con escasa duración. A verdadeira transformación chegou en 1833, coa reforma territorial impulsada polo Estado liberal, que estableceu as catro provincias galegas actuais, así como os partidos xudiciais e os concellos como entidades administrativas básicas.
No caso da comarca do Barbanza, con mais de 30 concellos, esta reorganización deu lugar á configuración de distintos municipios a partir das parroquias existentes. Así, territorios como Santa Uxía, Carreira, Olveira e Palmeira, que contaban cunha forte identidade parroquial e mesmo con certa autonomía organizativa, foron integrándose progresivamente na estrutura municipal moderna, culminando coa consolidación do Concello de Ribeira, que se salvou de desaparecer e incorporarse o da Pobra do Caramiñal por unha decisión do gobernador civil.
A publicación no Boletín Oficial da Provincia da Coruña o 25 de abril de 1836, hai 190 anos, en base a un Real Decreto da rexente María Cristina, marcou un punto de inflexión ao establecer criterios máis uniformes para a delimitación dos concellos, adaptados en Galicia á realidade parroquial polo gobernador civil, Pío Pita Pizarro.Este proceso permitiu sentar as bases da organización territorial actual, na que as parroquias seguiron tendo un papel clave, pero integradas nun sistema municipal máis racional e operativo, que no caso de Ribeira acabou por agrupar baixo unha mesma administración territorios historicamente diferenciados como Carreira, Olveira e Palmeira.
Xosé María Fernández Pazos, historiador cronista oficial de Ribeira
