“I Xornadas Históricas de Ribeira” co gallo dos 120 anos de Cidade. Videos charlas
A alcaldesa de Ribeira, María Sampedro, presidiu o luns 23 de marzo o acto central con motivo do 120 aniversario do título de Cidade de Ribeira outorgado en 1906 por parte do Rei don Alfonso XIII. A celebración constou de varios grandes acontecementos. En primeiro lugar procedeuse no novo Auditorio Municipal coa entrega da distinción ao cronista oficial, Xosé María Fernández Pazos, despois do seu nomeamento por acordo unánime da Corporación municipal no pleno de marzo de 2023; un posto que estaba deserto dende o falecemento de Carlos García Bayón no 2003.
- Videos: Joferpa
Do 24 ao 27 de marzo, celebrouse a primeira edición das Xornadas Históricas de Ribeira, na sala polivalente do Auditorio municipal.

O martes 24 de marzo o Cronista oficial de Ribeira, Xosé María Fernández Pazos, falou sobre “Manuel Lustres Rivas, mestre de xornalistas e referente do galeguismo ribeirense”.
Coincindo co seu asasinato o próximo 10 de novembro hai 90 anos, repasouse a vida e a traxectoria do compañeiro de Castelao dende a universidade ata a súa execución en Redondela. Lustres é unha das figuras máis sobranceiras do xornalismo do primeiro terzo do século XX, cronista de Galicia e da cidade de Vigo. Ribeira estivo presente na súa traxectoria persoal e profesional.
Relator: Xosé María Fernández Pazos. Cronista Oficial de Ribeira, historiador, articulista e xornalista; é autor de dúcias de textos sobre a historia local. Autor de obras históricas e coautor de obras colectivas relacionadas co pasado de Ribeira e Galicia. Actualmente dirixe “O Barbanza” e “Código Cero” e ten múltiples recoñecementos á súa traxectoria profesional.
O mércores 25 o cronista oficial de Cenlle e membro da Real Academia Galega, Clodio González Pérez, falou sobre “Os cruceiros de capela do Concello de Ribeira: estudo artístico e histórico”.
Nesta conferencia o autor pasa revista aos cruceiros de capela do concello, cruces de pedra situadas especificamente ao adro ou nas inmediacións dunha capela, igrexa ou ermida, servindo como elementos de profunda carga relixiosa e cultural en Galicia. Son parte do patrimonio etnográfico galego e a miúdo serven como puntos de parada en procesións ou para a devoción popular.
Relator: Clodio González Pérez. Etnógrafo, mestre, Cronista Oficial de Cee e membro da Real Academia Galega con abundante escrita humanista. Membro do Museo do Pobo Galego, da sección de antropoloxía cultural do Consello da Cultura Galega, do Instituto de Estudos Tudenses, foi representante do Consello da Cultura Galega na Comisión Técnica de Etnografía, órgano asesor da Consellería de Cultura e Deporte, entre outros moitos cargos contando con múltiples recoñecementos.
O xoves 26 foi a quenda do director do Museo Valle-Inclán da Pobra do Caramiñal, Antonio Jesús González Millán, que abordou “A presenza dos Valle-Inclán polas terras de Ribeira”.
O insigne escritor arousán, autor de “Luces de Bohemia”, “Comedias Bárbaras”, “Tirano Banderas” ou “Divinas Palabras”, ocupa esta conferencia na que se falará de Valle-Inclán e a estreita relación co municipio de Ribeira, un vínculo descoñecido para a maioría da xente e que non deixará a ningún indiferente.
Relator: Antonio Jesús González Millán. Palmeirán licenciado en Historia da Arte e licenciado en Museoloxía, pola Universidade de Santiago de Compostela, investigador e director do Museo Valle-Inclán da Pobra do Caramiñal, unha das persoas que máis coñece a vida, a escrita e a traxectoria do escritor estreitamente vinculado á Pobra e á Arousa.
O venres 27 remataron as xornadas históricas coa charla do membro da Real Academia Galega, Xosé Luís Axeitos, quen disertou sobre “O ribeirense Xosé Ramón Barreiro Fernández, o historiador que lle deu voz á Galicia contemporánea”.
Trátase dunha das figuras máis sobranceiras da crónica histórica do século XIX e XX de Galicia e do que neste ano conmemoramos o 90 aniversario do seu nacemento. Dirixiu a Real Academia Galega entre 2001 e 2010, etapa na que impulsou a modernización da academia e a proxección exterior da lingua galega. Licenciado en Dereito Canónico pola Gregoriana de Roma, en Filosofía e Letras e Doutorado en Historia pola USC. Membro do Instituto Galego Padre Sarmiento, do Consello da Cultura Galega e do Seminario de Estudos Galegos.
Relator: Xosé Luís Axeitos. Rianxeiro, Profesor, membro da Real Academia Galega, estudou Filosofía e Letras na USC e licenciouse en Filoloxía Románica na Universidade de Salamanca, mestre da filoloxía galega a quen debe o seu achegamento ao século XVIII. Foi catedrático de Lingua e Literatura Castelá no IES Rafael Dieste da Coruña, cidade na que reside e onde exerceu a súa profesión dende 1989. Tamén é profesor-titor da UNED na súa sede da Coruña. Conferenciante, participou como relator en congresos sobre o exilio e sobre distintos escritores galegos. Organizou os congresos de Luís Seoane e Rafael Dieste e colaborou en exposicións relacionadas co libro galego na Arxentina e coas biografías de Dieste e Castelao. Autor de dúcias de textos e colaborador de revistas que conta con múltiples recoñecementos.
Houbo tamén oco para as mostras coa exposición no vestíbulo do Auditorio, dunha maqueta do buque Santa Isabel de dous metros realizada por José Antonio Barreiro; exhibida en Ribeira por primeira vez.


