O Concello de Ribeira distingue ao seu cronista Xosé María Fernández Pazos e celebra os 120 anos de Cidade

A alcaldesa de Ribeira, María Sampedro, presidiu o luns 23 de marzo o acto central con motivo do 120 aniversario do título de cidade de Ribeira outorgado en 1906 por parte do Rei don Alfonso XIII. A celebración constou de varios grandes acontecementos. En primeiro lugar procedeuse no novo Auditorio Municipal coa entrega da distinción ao cronista oficial, Xosé María Fernández Pazos, despois do seu nomeamento por acordo unánime da Corporación municipal no pleno de marzo de 2023; un posto que estaba deserto dende o falecemento de Carlos García Bayón no 2003.

Xosé María Fernández Pazos e María Sampedro

Xosé María Fernández Pazos, natural de Santa Uxía, é xornalista, historiador e escritor, e conta cun amplo e destacado currículo nos ámbitos da divulgación e a comunicación, faceta que segue a desenvolver na actualidade dende o Grupo Código Cero Comunicación, do que é co-fundador.

Volvendo ao acto de homenaxe deste luns 23, unha vez o secretario municipal deu lectura á acta plenaria, a rexedora fíxolle entrega a Fernández Pazos dun diploma que plasma a súa toma de posesión. Durante a súa intervención, Sampedro manifestou: “Este é un momento sumamente especial a nivel colectivo, pois voltamos a vista atrás para ver como chegamos ata ese nomeamento, para ver como evolucionamos como sociedade e o camiño que percorremos todos xuntos, pero tamén para dilucidar os novos sendeiros que nos quedan por percorrer cara o futuro. Xuntos, con cada paso, facendo historia. Porque moitas veces é preciso mirar o pasado para entender o presente e ter claro que queremos para o futuro”.

A isto, a mandataria local avogou por seguir “facendo todos e todas xuntas unha Ribeira próspera e humana, que mira con moita positividade ao futuro, pero que non se esquece de quen fixo realidade quen somos. Todos enrolados no mesmo barco navegando pola augas do tempo nunha singradura que non perde o norte na rosa dos ventos que constitúe a escoita da nosa xente”.

Pola súa parte, Fernández Pazos desvelou as orixes de Ribeira como concello, “nacido co decreto aprobado polas Cortes o 27 de xaneiro de 1822 que obedecía o preceptuado pola Constitución de Cádiz no seu artigo 11”. Mais a petición dun título para Ribeira foi reiterada polo alcalde daquel momento José Martínez ante o deputado nacional, Rafael Gasset y Chinchilla, posterior ministro de Fomento; un título xa requirido durante unha visita en 1903 por parte do predecesor na Alcaldía, Domingo Vilas, para a “concesión de título de vila e porto de segunda clase, peticións que o rexedor e corporación crían que o pobo mariñeiro merecía en pleno desenvolvemento urbano e industrial”, aínda que finalmente se lle concedeu o de cidade.

Tamén se recuperou na praza do Centenario o monólito inaugurado no 15 de xullo de 2006 con motivo do centenario da cidade; momento no que as Súas Maxestades os Reis don Juan Carlos e dona Sofía visitaron o municipio. Esta figura fora retirada por mor das obras executadas e volve presidir dende hoxe o dito espazo público.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

© 2026: Riveira na memoria | Easy Theme by: D5 Creation | Powered by: WordPress