9 de Agosto unha data para a historia riveirense

Fai 275 anos que Riveira rexeitou o ataque de buques corsarios ingleses.

Pedro Arias Mariño de Sotomayor, á fronte dos veciños da comarca, logrou botar os atacantes. (Por : Xosé María Fernández Pazos)

——–

Corrían as primeiras horas da tarde do domingo, 9 de agosto do ano 1739, cando os apenas mil veciños da localidade de Riveira se viron sorprendidos polo ataque de corsarios ingleses, tan habituais na época. Contaba a tradición oral, sobre todo dos vellos do Pombal, que tan intenso era o combate e o canoneo entre os buques británicos e o pazo do señor da zona que corrían ríos de bronce desde a “fortaleza” ata o mar. O certo da historia é menos fantasioso: hai hoxe 275 anos, o 9 de agosto, Pedro Arias Mariño de Sotomayor, á fronte dos veciños, vencía, “tras duro combate”, ás tripulacións que arribaran en tres buques. Os invasores atacaron por sorpresa a localidade da que, ante o estupor inicial e o desconcerto dos seus habitantes, se fixeron os donos.

Pazo-de-San-Lourenzo-Pombal-WM

Pazo de San Lourenzo O Pombal

A residencia oficial do alcabaleiro, o funcionario da Coroa ó que se lle aboaban daquela os impostos, que estaba situada no barrio de Banda o Río, era o obxectivo inicial dos saqueadores, que buscaban loxicamente o lugar onde atopar mais botín. No ataque inicial os corsarios fixeron cativos ós veciños e apoderáronse de todo o que tiña valor. O pazo foi destruído e a poboación fuxiu ás parroquias veciñas para protexerse.

Trala sorpresa e conscientes da situación, os que lograron salvarse do ataque inicial uníronse cos veciños das parroquias veciñas de Artes, Olveira, Carreira, Oleiros e Corrubedo, e capitaneados por Pedro Arias Mariño, formaron un pequeno exército de voluntarios que aínda que inferior en número, descendeu desde A Garita e conseguiu expulsar ós invasores. Tralo contraataque, liberáronse os prisioneiros retidos polos corsarios e recuperouse o botín.

Aquela “batalla” sin dúbida unha das habituais das que se producían naqueles anos nas augas das rias galegas, quedou gravada na memoria popular como un dos feitos de armas mais sobranceiros das xentes das comarcas.

A casa de Pedro Arias de Sotomayor, representante do Tesouro e da Santa Inquisición en Riveira, sería reconstruída anos máis tarde polos seus descendentes, que residían no lugar de Figueirido, na parroquia de Palmeira.

Casa dos Mariño en Figueirido

Por esta e outras fazañas, don Pedro conseguiu que se lle outorgase escudo heráldico de armas, distinción que conserva aínda hoxe o pazo de San Lourenzo, que se alza no actual barrio do Pombal e que é coñecida como a casa dos Cadenas.

O escudo ostenta os cuarteis das casas de Soutomaior, Salgado e Noguerol; as ondas dos Goiáns, Caamaño e Benavides e o busto da serea dos Mariño de Lobeira.

Escudo Mariño Pombal

Escudo dos Mariño Pombal

Outro escudo similar a este, que presidía a casa de Figueirido, atópase na actualidade na fachada do pazo dos Otero fronte á Igrexa parroquial.

As dúas casas, Pombal e Figueirido, conforman o núcleo matriz dos Mariño, antigo e ilustre apelido galego, arredor do cal existen diversas e fantasiosas lendas. Tiñan os Mariño o privilexio de usar o tratamento de Don e descendían de Diego Arias Mariño de Lobeira que, durante o reinado de Carlos II o Enfeitizado, foi capitán de mar e terra, soldado en Flandres e gobernador da cidade de Lima (O Perú).

Escudo-Mariños-Pazo-Otero WM

Aquel 9 de agosto de 1739 foi a segunda ocasión da que se ten constancia, na que a localidade de Riveira era atacada directamente por corsarios ingleses. A primeira vez foi o sábado, 11 de xuño de 1644 – fixo polo tanto recentemente 370 anos- cando o capitán Andrés de Otero Arias Mariño, ó servizo da Coroa española, defendeu “heroicamente” a poboación, que daquela tiña o seu centro de actividade en Banda o Río, núcleo orixinario xunto a Fondevila e Deán, da urbe actual. Tampouco era a primeira vez que a costa arousá padecía a acción dos saqueadores. Por eses mesmos anos sería atacado o sur da ría, como o amosan as noticias da época.

Imaxe de San Lourenzo WM

Imaxe de San Lourenzo

O valor e a heroicidade da xente da comarca faría que xa en 1485 os Reis Católicos asinasen en Tarazona un protocolo de distinción conforme o cal os veciños destas terras poderían ser axustizados como nobres en caso de que fosen condenados a morte, excepción feita dos reos de traizón á Coroa. Así, os habitantes das terras riveirenses serían considerados “fidalgos ante a morte”.

Visita de Franco a Riveira

Pero obrigado é tamén facer referencia á visita que hai hoxe 70 anos fixo o xeneral Franco á localidade. O motivo? A inauguración da “Clínica do 18 de xullo” situada no barrio da Amarella. Aquela visita sen maior importancia é unha das que soia facer o ditador durante a súa estadía estival en terras galegas, obtivo a súa lembranza no rueiro local co nome de “Rúa 9 de Agosto de 1944”.

A perspectiva histórica e o acontecer fan hoxe esbozar un sorriso pola ocorrencia dos políticos locais, que, sen dúbida condicionados polas circunstancias da época, non tiveron máis remedio que facer boa unha iniciativa para inmortalizar aquela visita. O acontcemento quedou plasmado, á marxe das imaxes da prensa, nunha reportaxe do NO-DO que se pode ver hoxe no portal da historia local www.riveira.eu.

Por certo, non estaría mal, como propuxen xa hai tres décadas en artigos meus, que se cambiase polo menos o ano da rúa, que tería mas sentido en homenaxe ós veciños que o de manter o dunha mera visita protocolaria. Para cando?


Video Filmoteca Nacional- Nodo

O 9 de agosto de 1944, Franco visita Riveira. Recibido polas autoridades locais encabezadas polo alcalde, Miguel Rodriguez Bautista, o xeneral chega en medio dos aplausos do pobo no malecón , daquela Avenida José Antonio, conservando a parafernalia habitual da época. A imaxe amosa as honras ofrecidas polas centurias de Falanxe e a visita á “Clínica del 18 de julio” inaugurada ese día.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

© 2024: Riveira na memoria | Easy Theme by: D5 Creation | Powered by: WordPress