“Caryl Chessman paseou polas rúas de Ribeira vai 64 anos, rodeado de policías”

Antón Luaces.- Tiña 38 anos cando foi executado o 2 de maio de 1960 na prisión estatal de San Quintín (Estados Unidos). Chamábase Caryl Chessman e coñeceu a vida delictiva á idade de 15 anos. Foi coñecido coma o “Bandido da lanterna roxa”, inculpado polos feitos cometidos por un criminal que levaba unha serea policial no teito do seu automóbil para confundir ás súas futuras vítimas nas rutas de California.
No Entroido de 1961, un grupo de mozos de Ribeira converteron un dos carros que se utilizaban na lonxa e o mercado municipal para o transporte de mercadorías, nun remedo do que, supostamente, sería a cela que Chessman ocupaba no corrredor da morte de San Quintín.
Era, obviamente, unha parranda que tentaba pasalo ben -o que son as cousas- a costa do preso 66565 B da prisión californiana na que ingresara o 25 de novembro de 1953 considerado coma un criminal e escritor, que se fixo famoso polo feito da súa longa estadía no corredor da morte en California.
A figura de Chessman aparecía nimbada dunha certa lenda á que contribuira o grande Pucho Boedo -voz solista pouco máis tarde do grupo Los Tamara integrado por músicos do Barbanza a maioría deles- que cantaba un inesquecible tango titulado “Chessman” no que a inconfundible voz de Pucho remarcaba fondamente a hora na que Caryl Chessman fora axusticiado na cámara de gas: “Ya son las diez, suena el reloj, un paso doy.. Chessman yo soy!”.
O “Chessman” que percorrera no Entroido as rúas de Ribeira en 1961 é hoxe en día un recoñecido psiquiatra, escritor e pintor ribeirense xa xubilado, como xubilados ou finados están o resto de integrantes da comitiva policial que o acompañaba e na que non faltaba un sacerdote, papel que interpretaba quen, posteriormente, sería un dos membros da brigadilla da Garda Civil na Coruña.
Coido que foi a primeira “comparsa” desas características que se realizaba en Ribeira durante o franquismo, onde o Entroido era “cousa” dun “choqueiro” ou, caso excepcional, dunha parella como foi durante anos a integrada por Juan “O Marqués” e a súa dona. Vivían en Bandaurrío e cada ano había espectación entre os ribeirenses por seguir as evolucións da parella que percorría a cidade dunha a outra banda -nomeadamente dende a praza da igrexa ata a fonte de Padín e dende aquí, polo malecón ata a praza de Pontevedra e praza do concello-.
Caryl Chessman tivo sona após evitar ser executado a morrer na cámara de gas (fora condeado a morte en 1948) durante longos anos. Estudou Dereito e Latín na prisión de San Quintín e foi o seu propio avogado. Símbolo da loita contra da pena de morte, escribiu catro libros que foron éxitos de vendas cuestionando a fondo o sistenma legal de California que o condeara a morte aínda recoñecendo que non asasinara a ninguén.
Menos mal que, en 1961, as autoridades de Ribeira descoñecían, probablemente, esta faceta de Chessman como símbolo contra da pena de morte vixente daquela en España. De non ser así, algúns dos que formabamos aquela “parranda” podiamos telo pasado mal.
Pero en Entroido todo é festa, cocido, filloas e orellas. Siga a festa!.