80 Anos: “A traxedia no mar, primavera de 1945 os pesqueiros “Cartagena” e “Nuevo Rosiña” afúndense nas nosas augas”

Por Xosé María Fernández Pazos. Cronista Oficial de Ribeira, historiador e xornalista

As augas do Atlántico fronte ás nosas costas foron escenario, na primavera de 1945, de dous tráxicos sucesos que enloitaron á comarca. O primeiro deles foi o 5 de abril, cando o o pesqueiro de Moaña “Nuevo Rosiña” tocou nun baixo preto de “Sálvora” indo a piques e levándose ós seis tripulantes. Parece que o exceso de confianza foi a causa do naufraxio.

Tripulación do Cartagena. Imaxe Cartagena Nº 3 | sarse

Pero o naufraxio que mais impacto levantou por ser todas as súas vítimas da comarca, aconteceu 8 de abril, día no que desapareceu o pesqueiro “Cartagena”, sen que se tivesen noticias dos seus vinte e tres tripulantes. A alarma saltou cando o langosteiro “Bienvenido” atopou a chalana do “Cartagena” envorcada e a caseta da ponte flotando, xunto con diversos utensilios e aparellos de pesca, preto dos baixos de Rinchador. As pescudas iniciadas de inmediato non deron resultados positivos, aumentando a angustia entre os familiares e compañeiros dos mariñeiros.

Días despois, confirmábase o peor. O “Cartagena ” naufragara á altura do cabo Corrubedo e as consecuencias a perda da vida dos vinte e tres homes que formaban a súa dotación.

A investigación sobre as causas do naufraxio do “Cartagena” apuntaron a que o dia da traxedia atopábase o pesqueiro faenando xunto con outro barco de Aguiño en augas de Corrubedo. O mal tempo orixinou doulle un golpe de mar que parece ser foi a posible causa da traxedia ocorrida no lugar coñecido como A Telleira. O golpe arroxou o pesqueiro contra os baixos separándose a proa da popa quedando o motor lonxe do casco tal como narraría o emblemático buzo, José Teira, o Cabalán, quen traballaba na zona cando baixo ós restos do pesqueiro.

A busca do barco desaparecido mobilizou outros pesqueiros da zona. Finalmente, os restos do “Cartagena” foron atopados esnaquizados no baixo do Rinchador, a unha profundidade de 25 metros.

En relación con este naufraxio, celebráronse solemnes funerais na parroquia de Carreira. A cerimonia relixiosa, celebrada a principios de xuño, congregou a unha inmensa multitude procedente dos pobos veciños. Os actos fúnebres contaron coa presenza do Gobernador civil e xefe provincial do Movemento, Jesús María de Yraola, así como do Comandante de Mariña de Vigo e do delegado provincial do Instituto Nacional de Previsión, entre outras autoridades e xerarquías locais.

Estes dous naufraxios do “Cartagena” e do “Nuevo Rosiña” en tan curto espazo de tempo supuxeron un duro golpe para a comunidade mariñeira. A perda de tantos homes, moitos deles novos, deixou un baleiro nos seus fogares e na propia estrutura social das vilas costeiras. As mostras de solidariedade e o apoio institucional foron un reflexo da dor compartida e da necesidade de facer fronte ás adversidades que, con frecuencia, azoutan a vida no mar.

Estes tráxicos acontecementos quedaron gravados na memoria colectiva como un recordo constante dos riscos inherentes á profesión de mariñeiro e da importancia da seguridade na navegación.

Pero apenas seis meses antes a comarca sufría outro duro golpe, catorce mariñeiros, oito de Corrubedo, dous de Muros, un de Seráns-O Son, un da Pobra, un de Ferrol e un de Xixón perderon a vida a altura de Celeiro tralo naufraxio do pesqueiro Albatros

Lembranza e agarimo neste día a eles e ás súas familias e que foron homenaxeados o pasado sãbado polos vecinos de Carreira e Aguiño nun acto organizado pola Cofradía. D.E.P.

Relación de tripulantes do Cartagena

Francisco Fernandez Sampedro

Jose Vidal Arnoso

Antonio Arnoso Ayaso

Bernardo Dios

Francisco de Brañuelas

Antonio Crujeiras Perez

Francisco Fernandez Sampedro

Jose Fernandez Tizado

Jose Gonzalez Gonzalez

Jose Gonzalez Parada

Ignacio Lago Tizado

Jose Lampon Garcia

Jose Mera Rodriguez

Jose Muñiz Creo

Manuel Crujeiras Dios

Jose Rey Paz

Cipriano Sampedro Romay

Manuel Silva Paz

Francisco Silva Paz

Manuel Suarez Sampedro

Francisco Torres Calviño

Jose Vidal Arnoso

Cipriano Vilas Martinez

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

© 2025: Riveira na memoria | Easy Theme by: D5 Creation | Powered by: WordPress