Manuel Acuña y Malvar: Ascenso na Xerarquía Eclesiástica e Compromiso Liberal II

Xosé María Fernández Pazos. Cronista Oficial de Ribeira
En 1792, Manuel Acuña y Malvar foi nomeado cóengo da Catedral de Santiago de Compostela, e en 1793, arcediago do Salnés. O seu ascenso na xerarquía eclesiástica debeuse en parte á influencia da súa familia, especialmente do seu irmán Pedro, quen ocupou importantes cargos gobernamentais durante o reinado de Carlos IV.
A pesar dos seus vínculos co poder, Acuña y Malvar mantivo sempre unha firme defensa das ideas liberais e unha clara oposición ao absolutismo. As súas posturas políticas valéronlle a inimizade de sectores conservadores da Igrexa e do poder político, o que finalmente provocou o seu desterro ao mosteiro de Santa María de Aniago en 1803(Valladolid).
Participación na Guerra da Independencia e na Constitución de Cádiz
Durante a invasión napoleónica, Acuña y Malvar participou no levantamento de Galicia contra as tropas francesas, participando activamente nas batallas de Ponte Sampaio e na reconquista de Vigo en 1809.
O seu compromiso coa causa liberal tamén se reflectiu na súa participación na redacción da Constitución de Cádiz en 1812, coñecida como “La Pepa”, que establecía importantes avances democráticos. Acuña y Malvar defendeu con paixón a liberdade de prensa, a igualdade ante a lei e a eliminación de privilexios feudais.
A restauración do absolutismo con Fernando VII en 1814 fixo que Acuña y Malvar fose procesado e encarcerado no convento de Herbón, e os seus bens embargados. Non foi ata o triunfo da revolución de 1820 que recuperou a súa liberdade e puido retomar as súas actividades.
A pesar das adversidades, continuou defendendo os seus ideais liberais, publicando diversos folletos e escritos nos que criticaba o absolutismo e avogaba pola liberdade de prensa e a supresión da Inquisición.

Retiro e Legado
En 1837, decidiu retirarse da vida pública e estableceuse no seu pazo de “La Soledad”, na Conlleira na parroquia de San Xián de Artes. Alí viviu ata o seu falecemento o 1 de marzo de 1845, aos 87 anos. O seu funeral celebrouse na igrexa parroquial de Artes, coa asistencia de 37 sacerdotes, reflectindo a súa importancia como figura relixiosa e social.
Sobre os seus restos, tal como recolle Francisco Javier Crugeiras Sampedro, nos seus traballos sobre a “Historia de Carreira”, estaban soterrados n camposanto da Igrexa de San Paio, tal e como el deixou escrito no seu testamento e ultimas vontades. Desgraciadamente tralas obras feitas nos últimos anos non queda nada dos mesmos, nin sequera unha lauda que lembre a tan insigne figura que tanto defendeu o país e ós veciños de Carreira. O legado de Manuel Acuña y Malvar perdura na historia do país como un defensor das liberdades e os dereitos dos cidadáns. A súa vida estivo marcada polo seu compromiso coa xustiza social, a defensa dos máis desfavorecidos e a súa loita contra o absolutismo. A través dos seus escritos e accións, deixou unha sinal imborrábel na historia de Galicia e de España que o Concello de Ribeira debería recuperar para algunha das súas rúas.
Foto Finca La Soledada Arquivo Xosé María Fernández Pazos