O “Monumento” de Ribeira sesenta anos da súa Consagración. Unha urxente recuperación. Xosé María Fernández Pazos. Cronista Oficial de Ribeira 

Un dos edificios máis emblemáticos da parroquia e á vez menos coñecido, é o Monumento ao Sagrado Corazón de Xesús. O crecemento da cidade fixo que quedara illado en medio de edificios que o encaixaron perdendo parte da súa espectacularidade. Iso unido o paso do tempo amosa un progresivo deterioro do templo que necesita de xeito urxente un arranxo, xa que a súa estrutura empeza a presentar graves danos que o poñen en perigo estrutural. A parroquia está a facer un estudio das alternativas a ese centro relixioso que permitiría a súa recuperación e incluso potenciaría o seu uso, pero para iso é necesario o apoio da comunidade católica e das administracións que permitiron a súa construcción hai 60 amos.

O proxecto

Corría o ano 1958 cando se retomaba o proxecto de construción do templo que anos antes propuxeran un grupo de fieis. Aquela primeira iniciativa era modificar a estrutura da igrexa parroquial actual desprazando a fachada do templo oito metros á fronte incluídas as torres. Isto permitiría gañar máis espazo á vez que facilitaría a realización do ambicioso proxecto.  

Esta proposta inicial estaba supeditada ás axudas estatais, doutras institucións e ás achegas dos fieis de Santa Uxía e da propia diocese compostelá.

Pasado o tempo en xaneiro dese ano decídese modificar a localización inicial do templo. É entón cando o párroco, don Juan Bautista Boo Romero, propón que se acepten uns terreos ofrecidos por unha familia local. O lugar elixido para a construción estaba situado ao noroeste da cidade, preto da Igrexa e do novo camposanto. Estaría sobre un cerro o que facía que o futuro edificio adquirise unha imaxe impresionante, sobre todo polas noites, cando quedaba iluminado espectacularmente e era visible desde boa parte da costa e do mar, ao non existir edificios máis altos ao seu ao redor.

A construción

En febreiro de 1961 retómase o proxecto dada a proximidade do primeiro centenario da Consagración de la Iglesia Parroquial que tería lugar tres anos despois. O edificio constaría de tres partes. A primeira o pedestal onde se aloxaría unha pequena capela cun pequeno altar. Sobre ela descansaría o piar que serviría para elevar e soster a imaxe e por último a propia imaxe do Sacro Corazón de Xesús.

O proxecto sería deseñado por Antonio Tenreiro Rodríguez, un dos máis destacados arquitectos galegos da primeira metade do século XX e ao que se deben edificios emblemáticos principalmente da cidade da Coruña, da que foi arquitecto municipal. Hai que lembrar que o bosquexo orixinal da edificación tería como base un debuxo feito por don Manuel Boo Álvarez, obreiro de Talleres O Nervión”, que con todo non se levaría a cabo. 

A torre sobre a que se situaría a imaxe, estaría coroada por unha escultura do Sagrado Corazón de dous metros e medio de altura, e sería realizada polo artista santiagués, José Aldrey, autor tamén do Paso de Xesús no horto das oliveiras. Representaría a Cristo cos brazos abertos situado sobre un pedestal, unha imaxe que ocuparía unha estrutura dunha altura equivalente a catro pisos.

Aos seus pés unha cripta para o culto que acolle hoxe os restos de don Juan Bautista Boo, naquel momento o párroco da época na que se fixo a construción e un dos máximos apoios da iniciativa. A proposta de Josefa Santos, alma mater daquel proxecto, realizaríase unha colecta popular para a que se creou a “Asociación do Sagrado Corazón de Xesús”. O templo sería edificado no terreo doado á Igrexa por Manuel Picher, e a obra seria realizada pola empresa Obrascon que investiu case tres anos en terminala.

Este templo sería consagrado o domingo 28 de xuño de 1964 polo cardeal, Fernando Quiroga Palacios, xusto o ano en que se cumpriría o centenario da igrexa parroquial.

O Monumento ao Sagrado Corazón de Xesús está situado nunha zona de pouco máis de 700 metros cadrados de superficie na que convive unha escalinata con zonas verdes e nas que hai varios cipreses e palmeiras. Co tempo a construción de edificios ao seu ao redor engurrou a que era a edificación máis alta de Santa Uxía, quedando hoxe rodeado de estruturas que apenas permiten ver o templo, ata o punto de que é un dos edificios menos coñecidos da cidade.

A pouca operatividade como centro de culto debido ás súas reducidas dimensións, abocaron ao Monumento ao seu case esquecemento onde apenas se realizan actividades relixiosas limitadas a dúas festas ao ano. Agora con novos proxectos en marcha por parte da Parroquia de Santa Uxía, parece que o templo e o seu espazo pode recuperalo seu esplendor, pero para iso se necesita a colaboración de todos.  Fotos:  Arquivo Xosé.M. Fdez. Pazos

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

© 2025: Riveira na memoria | Easy Theme by: D5 Creation | Powered by: WordPress