Santa Isabel, 95 anos. Estrenase na rede o documental “A lenda do Santa Isabel”

 Este 2 de xaneiro cúmprense 95 anos do naufraxio do vapor-correo Santa Isabel, que embarrancou nos baixos de Sálvora en 1921 ocasionando a morte de 213 persoas, delas 64 nenos. O aniversario é aproveitado por un grupo de alumnos da Facultade de Comunicación da Universidade de Santiago para a realización do documental ”A lenda do Santa Isabel”.

O guión da reportaxe mistura tradición e historia e así se une a lenda de Mariña e a historia do naufraxio do buque. O documental recolle a morte de Roldán e como a serea Mariña decide regresar ás profundidades das augas de Sálvora. Antes bota unha maldición: o primoxénito de cada liñaxe dos Mariño debe ser entregado ao mar onde morrerá afogado. Os autores do documental fan a conexión co naufraxio do Santa Isabel onde faleceron boa parte da pasaxe e da tripulación e do que unicamente se salvaron 56 persoas.

O documental recolle a lenda como simbolismo da cantidade de xente que morre no mar e o pesar que causa nunha comunidade que vive del como é a destas costas. De feito, a reportaxe remata coa seguinte pregunta retórica: Cal é a familia desta comarca que non ten mortos no mar?. Na reportaxe interveñen Xosé María Fernández Pazos, historiador, xornalista e mestre, autor do libro “Sálvora, memoria dun naufraxio. A traxedia do Santa Isabel”, texto no que se recuperou hai caseque 20 anos a historia do naufraxio e as lendas da illa ribeirense; Antonio Piñeiro, profesor, escritor e historiador, Pura Fernández Gude, sobriña de María Fernández Oujo, unha das heroínas de Sálvora e Manuel ‘De López’ e Silva, dous mariñeiros xa retirados da comarca. O documental empeza e remata falando sobre o mar e o seu simbolismo. As entrevistas foron feitas no Porto de Aguiño, no Faro de Corrubedo, no Porto de Palmeira en O Castro en Castiñeiras. Tamén foron gravados planos na Illa de Sálvora, na Praia da Catía, en Corrubedo, en Palmeira, en Ribeira, entre outros lugares.

O documental foi gravado e editado por Antonio Mosquera Montoya, Ana Rial Maneiro, Iago Sánchez Caridad, Laura Seijo Vigo, Pablo Montero Castro, Pablo Portela Rodríguez e Sara Pérez Seijo, que traballaron intensamente na guionización, entrevistas e recursos do mesmo durante varios meses. A reportaxe ten una duración de 17 minutos e pode ser visto partir deste 2 de xaneiro 95  aniversario do naufraxio.

 

  Antonio Mosquera Montoya, Ana Rial Maneiro, Iago Sánchez Caridad, Laura Seijo Vigo, Pablo Montero Castro, Pablo Portela Rodríguez e Sara Pérez Seijo.

2 Comments to Santa Isabel, 95 anos. Estrenase na rede o documental “A lenda do Santa Isabel”

  1. […] Santa Isabel, 95 anos. Estrenase na rede o documental “A lenda do Santa Isabel” […]

  2. […] Santa Isabel, 95 anos. Estrenase na rede o documental “A lenda do Santa Isabel” […]

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará

© 2024: Riveira na memoria | Easy Theme by: D5 Creation | Powered by: WordPress