Memoria das Heroínas de Sálvora. No 30 aniversario do pasamento de María de Sálvora

Memoria das Heroínas de Sálvora . Xosé María Fernández Pazos

Enfilamos o derradeiro trimestre deste ano no que lembramos os cen do naufraxio  do vapor-correo Santa Isabel nos baixos da Illa de Sálvora. Desgraciadamente a situación sanitaria dos últimos dous anos non axudou a lembrar como se merecía esta traxedia que deixou tan fonda lembranza na nosa comarca, ata o punto de que naqueles anos vinte foi coñecido como o “Titanic Galego” polos medios de comunicación de época.

Heroísmo, xenerosidade e nobreza  destacan naquel suceso lutuoso que durante décadas quedou no esquecemento, pero que hoxe lembramos con orgullo.    

María de Sálvora. Arquivo XMFP

Este 15 de outubro cúmprense trinta anos do pasamento de María Fernández Oujo, máis coñecida como María de Sálvora  quen tiña 16 anos o día do naufraxio, a derradeira das heroínas en falecer, e que aquela noite do 2 de xaneiro de 1921, interveu  temerariamente no rescate das mulleres, homes e nenos do Santa Isabel. Xunto a ela estaban Cipriana Oujo Maneiro (24) e Josefa Parada Crugeiras (32), que se botaron cara a praia da Area dos Bois, onde permanecían varadas as dornas dos colonos. Estas mulleres xunto a outros veciños, subiron as pequenas embarcacións e remarían en axuda dos náufragos.

Tres foron as dornas que sairon en auxilio. Amais da xa citada, noutra ían Francisco Oujo Lema, José Parada e Manuel Caneda Crujeiras, quenes auxiliarían o bote número 8 do vapor-correo axudados polas mulleres no remolque ata terra. Rescatarían amais a outras oito persoas que estaban na auga. Unha terceira dorna levaba a José Oujo Lema e a Cipriana Crujeiras Reiris (48) quenes prestarían tamén axuda. Mentres outra dorna ía cara a Ribeira a avisar do suceso. Desde terra prestarían auxilio os poucos veciños que permanecían aquela noite en Sálvora, xa que o resto dos habitantes da aldea estaban en terra pasando fin de ano, e o tempo revolto impedira que regresasen a illa.

O vapor embarrancou nos baixos da Pegar, fronte o faro, e todo apunta a que a causa foi a “serrasón” que non permitiu tomar posición exacta o vapor con respecto ós faros, ata o punto que pensaron que embarcaran en Ons.

O acontecido aquela noite marcaría a vida dos seus habitantes e sobre todo das mulleres. A ampla investigación realizada pola autoridade de mariña e pola prensa da época, salientou o labor desenvolvido no auxilio das vítimas. As tres heroínas recibirían  recoñecementos e incluso a cidade de Vigo faríalle un multitudinario homenaxe no que se participou toda a cidade olívica.

Recibimento da Cidade de Vigo ás Heroinas

Un ano  despois do naufraxio, en 1922, o Congreso dos Deputados propuxo a concesión de condecoracións ás mulleres, homes e xente de Ribeira que se volcou na axuda e acollida das vítimas, ata o punto de que a prensa da época pediu a concesión do título de “Moi Nobre, Leal e Humanitaria cidade”, aínda que non se chegou a facer. As condecoracións e recompensas serían entregadas o 8 de xaneiro de 1924 polo secretario municipal ribeirense.

A directiva do Gran Peña de Vigo organizadora da homenaxe coas Heroínas

As historias levantarían  co paso do tempo, unha falsa lenda sobre a súa intervención,    afirmándose incluso que se dedicaran a quitarlle ós cadáveres o que levaban  de valor para o cal non dubidaron en mutilalos dedos das vítimas. Pero a historia dos raqueiros ou praieiros,  que provocaban os  naufraxios e esperaban que a carga do barco chegase a terra, non teñen cabida nesta historia. Polo menos así o testemuña o capitán, o segundo oficial e o resto dos que se salvaron.

Os veciños de Sálvora a principios de 1921

Estes comentarios desmentidos nos documentos oficias -existe un no que aparece o recuperado dos corpos-, na investigación da prensa e nas declaracións dos superviventes, causaron un gran malestar  nas mulleres e nos paisanos da aldea. Sería a garda civil e principalmente os carabineiros, os que se encargarían de facer esa operación. Curiosamente os veciños pensaron que os axentes se quedaron co que collían dos cadáveres. Sen embargo o expediente existente no arquivo da causa, amosa como o rescatado foi entregado ás familias das vítimas, desmentindo deste xeito o roubo duns e doutros.  Elas participarían anos despois no rescate doutros dous barcos que embarrancarían tamén na illa.

A falsa lenda correu un tupido velo polo papel que xogaron os veciños, e eles laiábanse dos comentarios que se fixeron sobre o seu labor no rescate. Tal vez por iso esqueceuse a historia ata que logramos recuperar aquela tráxica historia, hoxe presente na historia da comarca.

Cipriana Crujeiras Reirís, Josefa Parada Crugeiras, Cipriana Oujo Maneiro e María Fernández Oujo

 María, da que lembramos hoxe o seu trinta pasamento, casaría na década dos anos vinte con Fidel Sampedro Crujeiras,  mariñeiro co que se trasladaría a Aguiño e con quen tería tres fillos  María, Dionisio e Manuela a única que aínda vive.

Sirva este artigo para lembrar o papel das heroínas e heroes de Sálvora e do vapor-correo Santa Isabel e das súas 213 vítimas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará

© 2024: Riveira na memoria | Easy Theme by: D5 Creation | Powered by: WordPress