O Museo Naval de Ferrol xa exhibe a exposición de Ribeira sobre o naufraxio do Santa Isabel

“Bravura”, a exposición sobre o afundimento do vapor Santa Isabel que o Concello de Ribeira
organizou na nosa Sala Museo Municipal para celebrar o seu centenario, foi inaugurada este mediodía no Museo Naval de Ferrol nun acto que contou entre outros coa participación do alcalde Manuel
Ruiz.
“Bravura” relata o suceso desde a saída do vapor do País Vasco ata o seu accidente nos baixos da Pegar na Illa de Sálvora, ademais do seu contexto cun capítulo especial dedicado á emigración, no que se
fai un repaso da emigración en Ribeira nos anos 20 e 30 a través do singular “libro de emigrantes” deste concello. Na exposición pódense ver obxectos orixinais do barco como unha campá ou a luxosa vaixela
de prata rescatada do naufraxio. Tamén as medallas que recibiu o Luis Cebreiro ou a creada especialmente para as Heroínas de Sálvora.

Ademais do alcalde e do director do Museo Naval, Rafael María Izquierdo, tamén tomaron parte o historiador ribeirense Xosé María Fernández Pazos, que centrou a súa intervención no relato do
naufraxio acontecido na madrugada do 2 de xaneiro de 1921 cando o buque atravesaba as costas barbanzanas con 266 a bordo; e o seu homólogo José Luis Moar Rivera, que dedicou a súa intervención a
facer unha semblanza de Luis Cebreiro López, ferrolá de nacemento e segundo oficial daquel buque que con risco da súa vida rescatou a moitas vítimas do sinistro. De igual xeito, tamén o acto inaugural
contou coas intervencións do comisario da exposición, Miguel Ángel Vidal, e María del Carmen Cebreiro González, filla do mentado Luis Cebreiro.

Entre as autoridades presentes figuraban o Almirante do Arsenal de Ferrol, Ignacio Frutos Ruiz, os tenentes de alcalde de Viveiro Ribeira, Jesús Fernández Fernández e María Sampedro Fernández; o presidente da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao, Francisco Barea Paz ou o concelleiro de Ferrol e deputado autonómico José Manuel Rey Varela.
A mostra permanecerá no Museo Naval durante dous meses, froito do acordo asinado entre o Concello de Ribeira e a entidade museística

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará

© 2024: Riveira na memoria | Easy Theme by: D5 Creation | Powered by: WordPress