Aniversario do Santa Isabel. 99 anos do seu afundimento

Este 2 de xaneiro cúmprense 99 anos do naufraxio do vapor-correo Santa Isabel, que embarrancou nos baixos de Sálvora ocasionando a morte de 213 persoas, delas 64 nenos. Un grupo de alumnos da Facultade de Comunicación da Universidade de Santiago realizaron un documental titulado ‘‘ A lenda do Santa Isabel ‘‘.

O guión da reportaxe mistura lenda e historia e así unen a tradición de Mariña e a historia do naufraxio do buque. O documental recolle a morte de Roldán e como a serea Mariña decide regresar ás profundidades das augas de Sálvora. Antes bota unha maldición: o primoxénito de cada liñaxe dos Mariño debe ser entregado ao mar onde morrerá afogado. Os autores do documental fan a conexión co naufraxio do Santa Isabel onde faleceron boa parte da pasaxe e da tripulación e do que unicamente se salvaron 53 persoas.O documental recolle a lenda como simbolismo da cantidade de xente que morre no mar e o pesar que causa nunha comunidade que vive del como é a destas costas. De feito, a reportaxe remata coa seguinte pregunta retórica: Cal é a familia desta comarca que non ten mortos no mar?.

Na reportaxe interveñen Xosé María Fernández Pazos, historiador, xornalista e mestre ribeirense, autor do libro “Sálvora, memoria dun naufraxio. A traxedia do Santa Isabel”, texto no que se recuperou hai mais de 20 anos a historia do naufraxio e as lendas da illa ribeirense; tamén falan o escrior Antonio Piñeiro, profesor, escritor e historiador, Pura Fernández Gude, sobriña de María Fernández Oujo, unha das heroínas de Sálvora e Manuel ‘De López’ e Silva, dous mariñeiros xa retirados da comarca.

O documental empeza e remata falando sobre o mar e o seu simbolismo.As entrevistas foron feitas no Porto de Aguiño, no Faro de Corrubedo, no Porto de Palmeira e en O Castro en Castiñeiras. Tamén foron gravados planos na Illa de Sálvora, na Praia da Catía, en Corrubedo, en Palmeira e en Ribeira, entre outros lugares.

O documental “ A lenda do Santa Isabel ” foi gravado e editado por Antonio Mosquera Montoya, Ana Rial Maneiro, Iago Sánchez Caridad, Laura Seijo Vigo, Pablo Montero Castro, Pablo Portela Rodríguez e Sara Pérez Seijo, que traballaron intensamente na guionización, entrevistas e recursos do documental durante varios meses.

A web de historia ribeirense www.riveira.eu recolle un apartado centrado en artigos e reportaxes sobre o vapor-correo entre eles o feito polo programa “O Mar” da TVG polo propio autor do libro en 1999 e posteriormente en 2013 outra reportaxe sobre a traxedia que levaría o nome de” O Titanic Galego“.

En marzo de 2019 presentouse no Museo Municipal de Riveira o inicio da gravación da película que usa a historia do Santa Isabel como base e que se estrenará esta primavera baixo o título “La Isla de las Mentiras” dirixida por Paula Cons e que conta con Nerea Barros, Darío Grandinetti, Aitor Luna nos papeis principais.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

© 2024: Riveira na memoria | Easy Theme by: D5 Creation | Powered by: WordPress