Manuel Lustres Rivas, xornalista e escritor

José Manuel Antonio Lustres Rivas (Riveira, 11 de xaneiro de 1888 – Redondela, 10 de novembro de 1936),  xornalista, político e escritor riveirense, vítima da represión do bando franquista durante a Guerra Civil.  Fillo dun piloto de buques mercantes, José Lustres Gonzalez e de María Rivas Otero, trasladouse a Santiago de Compostela para estudar medicina na súa universidade. Alí fíxose amigo de Castelao e participou nos debates do Café Colón. Moi vinculado ao galeguismo,  empezou a colaborar no diario ourensán O Miño e en  en Galicia Nova e na Gaceta de Galicia, que se editaba en Vigo. Foi tamén director do Heraldo Galego. En 1915 marchou a Madrid onde escribiu para España Nova, A Xornada, O Liberal e A Publicidade. Regresou a Galicia en 1918, onde colaborou coa Concordia de Vigo ata 1922.  Ao ano seguinte foi nomeado redacto-xefe do xornal “Galicia. Diario de Vigo”. Tras pasar uns anos en Arxentina durante a ditadura de Primo de Rivera, á volta colaborou co Faro de Vigo, entre outros medios.

Nos primeiros días da Guerra Civil, foi detido na sé do xornal e encarcelado na prisión habilitada no antigo lazareto da illa de San Simón. Foi asasinado en novembro de 1936 e o seu corpo achado nunha estrada próxima a Redondela. En 1986 foi declarado Fillo Ilustre de Riveira.

Manuel Lustres Rivas (Riveira 1888-Redondela 1936)

Manuel Lustres Rivas (Riveira 1888-Redondela 1936)

Casa de Manuel Lustres Rivas 1980. Fotografía arquivo Xosé María Fernández Pazos

Casa de Manuel Lustres Rivas 1980. Fotografía arquivo Xosé María Fdez. Pazos

Artigo de La Voz de Galicia, publicado o 11 de novembro de 2011
No  75 cabodano de Manuel Lustres Rivas

 por Xosé María Fernández Pazos, xornalista e historiador

A principios de 1984 tiña a oportunidade de falar amplamente con dona Inés Lustres Rivas. Muller de idade avanzada e irmá do insigne xornalista riveirense, Manuel Lustres, de quen o próximo día 10 de novembro se cumprirán 75 anos do seu asasinato en Redondela.

Aquela muller, que fora mestra, contoume nos seus momentos de lucidez algunhas vivencias da súa xuventude e do seu irmán. Faríao no interior do pouco que quedaba da vella casa familiar de Riveira, xa abandonada e situada na hoxe Rúa Galicia, antiga Venecia, e daquela rúa Xeneral Franco esquina Santa Uxía. Naquela charla, que por certo aínda conservo en fita, debullamos a vida e a traxectoria dun home unido ós movementos galeguistas de principios do século XX e que estaría vinculado ó seu amigo e compañeiro, Alfonso Daniel Rodríguez Castelao.
Manuel Lustres Rivas naceu na zona do porto de Santa Uxía de Riveira, ás sete da mañá do 11 de xaneiro de 1888, tal como consta na partida de bautismo da parroquial riveirense. Fillo de María Rivas Otero e do piloto mercante José Lustres González, viviría os seus primeiros anos na casa familiar e examinaríase de Bacharelato en Santiago. Posteriormente iniciaría a carreira de Medicina, onde coñecería a Castelao. Alí participaría nos faladoiros do emblemático café Colón, onde, ademais de coincidir co rianxeiro tamén o faría con Cabanillas, Montero e Fernández Matos entre outros.
Lustres non rematou os seus estudos universitarios, xa que a súa vocación levouno ó mundo do xornalismo, onde foi considerado mestre de periodistas. 
En 1906 traballa en “El Miño de Ourense”, con vinte e poucos anos, e posteriormente colabora en “Galicia Nueva” de Vilagarcía, e en “Galicia Moza” en 1909, un pequeno folleto tan revolucionario para a época que tiveron que imprimilo en Arousa, xa que en Santiago negáronse a facelo. Nesta última publicación contaría coa participación de Castelao, sendo a primeira vez que o rianxeiro debuxaba unha cabeceira para a prensa.
A súa época de maior esplendor xorde a raíz do “Manifesto de Ourense” ou de agosto, asinado en 1912 e coincidente coa época máis radical do movemento social e campesiño do primeiro terzo do século. As reivindicacións de carácter agrario do campesiñado eran o que se pretendía recoller naquel manifesto, que asinarían, ademais de Rivas, Basilio Álvarez (líder do movemento), Fernando Manto, López Auydillo, Montero Mejuto e Rodríguez Pavón. Este movemento coñeceuse co nome de “Liga de Acción Gallega”, e desenvolveu as súas actividades nas provincias de Ourense e Pontevedra.
En 1914 desaparece o “Heraldo Gallego”, xornal voceiro do movemento, que dirixía o riveirense. As continuas denuncias e causas xurídicas polo seu radicalismo dan lugar ó peche do diario. Lustres entón trasládase a Madrid e colabora en “España Nueva”, “España Libre” e en “El Liberal”. “Crónica de Vigo” , “La Jornada” , “El Sol” e “La Publicidad” de Barcelona, serían outros dos medios xornalísticos que contaron cos escritos do riveirense e converteron a Lustres nunha das figuras máis destacadas do periodismo español.
De regreso a Galicia en 1918, volve a colaborar con “Vida Gallega”, revista na que faría a que sería a primeira gabanza da figura de Castelao nun artigo titulado “Los que triunfan” . Nese mesmo ano e ata 1922 figura tamén como redactor de “La Concordia” de Vigo, ano no que abandona o agrarismo de Basilio Álvarez.
Definido como un home vacilante na súa traxectoria persoal e política, sufriu os efectos dunha campaña de desprestixio, organizada polos caciques da época.
Político radicalista, alcanza gran notoriedade na polémica coas Irmandades da Fala de Monforte, en febreiro de 1912, tomando partido por Vicente Risco. Este apoio supúxolle un enfrontamento cos antigos compañeiros agraristas, que o acusaron de deixarse levar polos políticos. Neste eido rexeitará as campañas de deputados e senadores ó Parlamento nacional, desenvolvendo a teoría de que a política española atrancaría o desenvolvemento da nación galega.
 No ano 1922 pasa a ser redactor xefe do xornal “Galicia. Diario de Vigo”, que viu a luz o 25 de xullo, e no que participan Paz Andrade, Dieste, Losada Diéguez, Ksado e Castelao, entre outros. Neste xornal defendeuse durante os catro anos que tivo de vida a autonomía galega.
O xornalista riveirense emigraría mais tarde a Arxentina, onde colaborou en diarios como o bonaerense “La Razón” e “ El Correo de Galicia”. Os artigos desta época supoñen un progresivo abandono da mensaxe política que ata daquela presidía os seus escritos. Nos últimos anos da súa vida, Lustres ve nas características xeográficas o factor diferenciado de Galicia respecto ó resto do Estado.
Cando volve a Galicia, segue unido ó nacionalismo da época, participando nos actos que se fan ó longo da ditadura e da segunda república, escribindo no xornal vigués “Faro de Vigo”.
Paulatinamente abandona a postura de radical antiespañol, e sofre un proceso cualificado de dereitista que o leva á reafirmación dos valores culturais galegos como expresión da individualidade de Galicia.
En 1936 participou na constitución da “Sociedade de Escritores Galegos” xunto a Xacinto Santiago, Álvaro de las Casas, Carvalho Calero, García Barros, Blanco Torres, Anxel Casal…
Casado e con cinco fillos, Manuel Lustres Rivas recupera nos seus derradeiros anos o contacto coa súa vila e, á marxe dos artigos xornalísticos sacaría ó prelo obras como “Pandemonium (1917)”, unha recopilación dos seus ensaios, “La hora grande (teatro)”, “O primeiro Castelao”…….
Primeiro biógrafo de rianxeiro, galeguista, viviu o convulso período da República sen escapar ás intrigas da época. Detido nos locais do “Faro de Vigo” e conducido o lazareto de San Simón, transformado daquela en prisión política, o seu cadáver apareceu o 10 de novembro de 1936 no alto da Concheira, na estrada Redondela- Vigo, “paseado”, como moitos galeguistas, polas súas ideas políticas e a defensa dos dereitos nos primeiros momentos da guerra.
Foi enterrado en Redondela e hoxe os seus restos descansan no camposanto de Pereiro, en Vigo. 

One Comment to Manuel Lustres Rivas, xornalista e escritor

  1. […] Este xoves 10 de novembro cúmprense 80 anos do asasinato en Redondela do xornalista e escritor Manuel Lustres Rivas. Hoxe La Voz de Galicia edición Barbanza,  publica un artigo non que se recollen, moi resumidos, datos sobre o fillo predilecto de Riveira. Amais podedes ver mais datos noutra entrada dá nosa páxina sobre Lustres. […]

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará

© 2024: Riveira na memoria | Easy Theme by: D5 Creation | Powered by: WordPress