A historia do noso Concello (redaccion@riveira.eu 609 800 950 )

A historia do noso Concello (redaccion@riveira.eu 609 800 950 )

80 anos do asasinato de Lustres Rivas

Hoxe 10 de novembro cúmprense 80 anos do asasinato en 1936 en Redondela do xornalista e escritor José Manuel Antonio Lustres Rivas. Hoxe La Voz de Galicia edición Barbanza,  publica un artigo non que se recollen, moi resumidos, datos sobre o fillo predilecto de Riveira. Amais podedes ver mais datos noutra entrada dá nosa páxina sobre Lustres.

lustres-vg_barbanza_2016_11_10-72-72-1-001-recortado

Lustres Rivas o grande esquecido, o grande esquecido
——–
O chegar á universidade na década dos setenta, caeu nas miñas mans  “El primer Castelao”, de J.A.  Durán, unha obra de referencia obrigada naqueles estertores do réxime. Precisamente o meu achegamento á biografía do insigne rianxeiro permitiume descubrir o labor dun ribeirense que foi amigo, compañeiro de estudos e da súa traxectoria pública e do que non se falaba na vila ó ser unha vítima daquela nefasta época fratricida.
A principios de 1986, ano no que se cumprían cincuenta do seu asasinato, propuxen  nun artigo a necesidade de recuperar a súa figura e obra. Aquela iniciativa sería recollida polo noso Concello, hai que dicir que non sen certas reticencias inicias, e en novembro dese ano dedicóuselle a rúa da casa onde nacera e unha placa de lembranza, amais de nomealo fillo predilecto da cidade.
O último dos recoñecementos públicos realizábase hai apenas dous lustros, cando atinadamente o Concello decidiu poñerlle o seu nome ó centro cultural. E adiantamos xa aquí que a seguinte homenaxe terá lugar dentro duns días, cando o Concello faga a edición facsimilar da obra “Pandemonium”,  unha compilación dos artigos  e ensaios que o autor publicou en diversos medios da época.
Resumir neste artigo a súa traxectoria é materialmente imposible, polo que tratarei de salientar algúns aspectos da súa vida que nos sirvan para coñecer o personaxe que hoxe lembramos.
Hai que remontarse á pequena poboación que configura a Santa Uxía de finais do século XIX. Alí nacería José Manuel Antonio Lustres Rivas o martes 10 de xaneiro de 1888 na casa familiar da rúa  Venecia. Fillo do piloto de buque mercante José Lustres Gómez e de María Rivas Otero, Lustres faría os seus estudos de Bacharelato en Santiago, onde iniciaría Medicina, o que lle permitiría coñecer a Castelao, do que sería compañeiro e amigo. Lustres deixaría a carreira para dedicarse ás letras e desenvolvería unha intensa biografía, facendo o seu labor sobre todo no xornalismo, na política, na literatura e no debate das ideas.
En Compostela intégrase no histórico faladoiro do Café Colón, xunto a Castelao, Luis Villardefrancos, Ramón Garaboa e Javier Montero. E alí, na época de estudante, empezaría a súa traxectoria xornalística. En 1906 traballa xa en “El Miño de Orense” e  en 1907 en  “Galicia Nueva” e tamén na “Gaceta de Galicia”, que se editaba en Vigo. Deses tempos hai que salientar  a publicación de “Galicia  Moza”, pequeno folleto do que só saíron dous números en xaneiro de 1909. Precisamente nese ano escribiría a que foi a primeira loa a Castelao, “Los que triunfan”, título  do artigo publicado no número 1 da emblemática“Vida Gallega”. 
A súa versatilidade como autor  quedou de relevo coa publicación de novelas, obras de teatro, poesía e  ensaios, se ben a súa verdadeira vocación sempre foi o xornalismo.
 Participou activamente nos principais diarios galegos da época, como os xa citados, e máis tarde en “El Heraldo Gallego”, do que foi director varios anos; “La Crónica” de Vigo, o xornal “Galicia”  e o “Faro de Vigo”, do que foi  xefe de redacción. Tamén en Madrid en “España Nueva”,” La Jornada”, “El Liberal”, “El Sol” e na capital catalá en  “La Publicidad”.
 
Traxectoria Política
Iníciase no agrarismo e así en 1912 asina o “Manifesto de Ourense” de dirixe o voceiro deste movemento, “Acción Gallega”. Participa amais nas campañas de axitación ata que racha a súa relación con Basilio Alvarez,. Xa en 1917 intervén na fundación da Irmandade da Fala de Vigo e colabora con “A Nosa Terra” ata que marcha á Arxentina, onde dirixirá brevemente a revista “Céltiga”.Regresa posteriormente e pasa a ser redactor xefe do histórico xornal vigués “Galicia” e despois colaborar  noutros medios.
Á volta da súa segunda etapa na emigración,  incorpórase  ó Comité Autonomista de Vigo, formado  polos antigos membros das Irmandades e foi elixido en 1931 directivo  do equipo presidido por Valetín Paz Andrade. Todo apunta a que formou parte da masonería e a UXT e, sen chegar a militar  no Partido Galeguista,  participou activamente nas campañas a prol do Estatuto do 36.
 
 Iniciada a guerra e pesar das presións da súa dona, Emilia Fernández, para ir a Ribeira, onde poderían ter máis protección por parte de coñecidos da familia, Lustres  negaríase e sería arrestado no seu domicilio a finais do mes de agosto, tras asistir á lectura do bando que declaraba o estado de guerra na cidade olívica.
O xornalista figurou ata catro veces en listas para ser “paseado”, pero librouse en tres delas, grazas seguramente á influencia  do director do xornal vigués. Sería levado primeiro  á prisión que se habilitara no frontón e despois á Illa de San Simón, onde permanecería á espera de xuízo. O 8 de  novembro foi trasladado ó calabozo de Redondela para comparecer ó día seguinte. Na noite do día nove foi trasladado con esa desculpa, en compañía doutros catro detidos; todos eles aparecerían mortos tal dia coma hoxe hai 80 anos. Lustres foi asasinado sen xuízo e sen consello de guerra.
As circunstancias que rodearon a súa morte non están de todo claras, xa que a súa traxectoria política dera un claro xiro moderado nas últimas etapas da súa vida. Os seus restos mortais, despois de ser identificados pola familia, serían enterrados primeiro en Redondela e actualmente descansan no camposanto vigués de Pereiró.
 
Obras
Lustres desenvolveu unha ampla cantidade de escritos, que abranguen desde a súa faceta como autor de teatro, a articulista ou autor de prosa, e incluso chegou a facer unha guía de viaxes polas Rias Baixas co mar como fondo.
Reuniu os seus ensaios na obra “Pandemonium” (1917), publicou un folletín en “La Correspondencia de España” de Madrid: “La Fratricida”. Un dos seus mais destacados traballos foi como dramaturgo, e estreou en Vigo en 1923,  en colaboración con Ramiro F. del Valle,  a comedia en dous actos,“La hora grande”, que se representaría no Teatro Tamberlick. Con Ramón  Fernández Mato estreou a comedia, “Peregrino de la ilusión”. Tamén  publicou en galego diversos artigos en xornais e  revistas como  “ A Nosa Terra”. Lustres recibiría numerosos galardóns e sería considerado mestre de xornalistas. No momento da súa detención era presidente da Asociación da Prensa de Vigo e amais director da “Hoja del Lunes de Vigo”.
 Manuel Lustres quedaría no esquecemento e soamente Ribeira recuperaría a súa traxectoria coa dedicatoria dunha rúa, poñendo o seu nome ó centro cultural e concedéndolle o título de Fillo Predilecto a título póstumo o 5 de decembro de 1986. Lustres segue a ser hoxe o gran descoñecido para o resto do país.
© 2017: Riveira na memoria | Easy Theme by: D5 Creation | Powered by: WordPress