2011- Inminente publicación do libro sobre Santa ISabel
En 1998 o autor publicou na prensa unha serie de reportaxes sobre a historia do naufraxio do vapor-correo Santa Isabel, artigos que serían o xermolo do libro do que hoxe se fai unha segunda edición corrixida. Era a primeira vez que se daban a coñecer imaxes sobre a construción, o interior do buque e o naufraxio.
As lendas e historias dos raqueiros, tan habituais nas costas galegas, volveron a aflorar tralo naufraxio do buque, se ben neste caso sen fundamento, como o amosaron os informes oficiais, os escritos do capitán e do segundo oficial do vapor, Luís Cebreiro, heroe este xunto coas mulleres da illa, de salvar a medio cento de persoas.
A historia daquel tráxico suceso permanecera ata esa data no anonimato oficial durante setenta e sete anos, se ben as vilas de Arousa gardaron na memoria colectiva a traxedia e o comportamento dos habitantes da illa de Sálvora e da cidade de Riveira.
O autor, Xosé María Fernández Pazos, mestre, historiador e xornalista, traballou durante anos na recompilación de datos sobre o afundimento e o porqué do silencio da traxedia.
Aquela edición de autor esgotouse en apenas dous anos, e o traballo publicado contou con numerosas loas tanto polo escrito como pola edición, que hoxe, debido ás súas características, sería difícil de repetir.
Ó se cumpriren os noventa anos do naufraxio, sae novamente nunha edición en rústica e corrixida.
O libro estará en 15 días en librerias e pódese conseguir a través do enderezo electrónico salvora@riveira.eu