A historia do noso Concello (redaccion@riveira.eu 609 800 950 )

A historia do noso Concello (redaccion@riveira.eu 609 800 950 )

Xosé María Fernández Pazos

now browsing by tag

 
 

80 anos do asasinato de Lustres Rivas

Hoxe 10 de novembro cúmprense 80 anos do asasinato en 1936 en Redondela do xornalista e escritor José Manuel Antonio Lustres Rivas. Hoxe La Voz de Galicia edición Barbanza,  publica un artigo non que se recollen, moi resumidos, datos sobre o fillo predilecto de Riveira. Amais podedes ver mais datos noutra entrada dá nosa páxina sobre Lustres.

lustres-vg_barbanza_2016_11_10-72-72-1-001-recortado

Lustres Rivas o grande esquecido, o grande esquecido
——–
O chegar á universidade na década dos setenta, caeu nas miñas mans  “El primer Castelao”, de J.A.  Durán, unha obra de referencia obrigada naqueles estertores do réxime. Precisamente o meu achegamento á biografía do insigne rianxeiro permitiume descubrir o labor dun ribeirense que foi amigo, compañeiro de estudos e da súa traxectoria pública e do que non se falaba na vila ó ser unha vítima daquela nefasta época fratricida.
A principios de 1986, ano no que se cumprían cincuenta do seu asasinato, propuxen  nun artigo a necesidade de recuperar a súa figura e obra. Aquela iniciativa sería recollida polo noso Concello, hai que dicir que non sen certas reticencias inicias, e en novembro dese ano dedicóuselle a rúa da casa onde nacera e unha placa de lembranza, amais de nomealo fillo predilecto da cidade.
O último dos recoñecementos públicos realizábase hai apenas dous lustros, cando atinadamente o Concello decidiu poñerlle o seu nome ó centro cultural. E adiantamos xa aquí que a seguinte homenaxe terá lugar dentro duns días, cando o Concello faga a edición facsimilar da obra “Pandemonium”,  unha compilación dos artigos  e ensaios que o autor publicou en diversos medios da época.
Resumir neste artigo a súa traxectoria é materialmente imposible, polo que tratarei de salientar algúns aspectos da súa vida que nos sirvan para coñecer o personaxe que hoxe lembramos.
Hai que remontarse á pequena poboación que configura a Santa Uxía de finais do século XIX. Alí nacería José Manuel Antonio Lustres Rivas o martes 10 de xaneiro de 1888 na casa familiar da rúa  Venecia. Fillo do piloto de buque mercante José Lustres Gómez e de María Rivas Otero, Lustres faría os seus estudos de Bacharelato en Santiago, onde iniciaría Medicina, o que lle permitiría coñecer a Castelao, do que sería compañeiro e amigo. Lustres deixaría a carreira para dedicarse ás letras e desenvolvería unha intensa biografía, facendo o seu labor sobre todo no xornalismo, na política, na literatura e no debate das ideas.
En Compostela intégrase no histórico faladoiro do Café Colón, xunto a Castelao, Luis Villardefrancos, Ramón Garaboa e Javier Montero. E alí, na época de estudante, empezaría a súa traxectoria xornalística. En 1906 traballa xa en “El Miño de Orense” e  en 1907 en  “Galicia Nueva” e tamén na “Gaceta de Galicia”, que se editaba en Vigo. Deses tempos hai que salientar  a publicación de “Galicia  Moza”, pequeno folleto do que só saíron dous números en xaneiro de 1909. Precisamente nese ano escribiría a que foi a primeira loa a Castelao, “Los que triunfan”, título  do artigo publicado no número 1 da emblemática“Vida Gallega”. 
A súa versatilidade como autor  quedou de relevo coa publicación de novelas, obras de teatro, poesía e  ensaios, se ben a súa verdadeira vocación sempre foi o xornalismo.
 Participou activamente nos principais diarios galegos da época, como os xa citados, e máis tarde en “El Heraldo Gallego”, do que foi director varios anos; “La Crónica” de Vigo, o xornal “Galicia”  e o “Faro de Vigo”, do que foi  xefe de redacción. Tamén en Madrid en “España Nueva”,” La Jornada”, “El Liberal”, “El Sol” e na capital catalá en  “La Publicidad”.
 
Traxectoria Política
Iníciase no agrarismo e así en 1912 asina o “Manifesto de Ourense” de dirixe o voceiro deste movemento, “Acción Gallega”. Participa amais nas campañas de axitación ata que racha a súa relación con Basilio Alvarez,. Xa en 1917 intervén na fundación da Irmandade da Fala de Vigo e colabora con “A Nosa Terra” ata que marcha á Arxentina, onde dirixirá brevemente a revista “Céltiga”.Regresa posteriormente e pasa a ser redactor xefe do histórico xornal vigués “Galicia” e despois colaborar  noutros medios.
Á volta da súa segunda etapa na emigración,  incorpórase  ó Comité Autonomista de Vigo, formado  polos antigos membros das Irmandades e foi elixido en 1931 directivo  do equipo presidido por Valetín Paz Andrade. Todo apunta a que formou parte da masonería e a UXT e, sen chegar a militar  no Partido Galeguista,  participou activamente nas campañas a prol do Estatuto do 36.
 
 Iniciada a guerra e pesar das presións da súa dona, Emilia Fernández, para ir a Ribeira, onde poderían ter máis protección por parte de coñecidos da familia, Lustres  negaríase e sería arrestado no seu domicilio a finais do mes de agosto, tras asistir á lectura do bando que declaraba o estado de guerra na cidade olívica.
O xornalista figurou ata catro veces en listas para ser “paseado”, pero librouse en tres delas, grazas seguramente á influencia  do director do xornal vigués. Sería levado primeiro  á prisión que se habilitara no frontón e despois á Illa de San Simón, onde permanecería á espera de xuízo. O 8 de  novembro foi trasladado ó calabozo de Redondela para comparecer ó día seguinte. Na noite do día nove foi trasladado con esa desculpa, en compañía doutros catro detidos; todos eles aparecerían mortos tal dia coma hoxe hai 80 anos. Lustres foi asasinado sen xuízo e sen consello de guerra.
As circunstancias que rodearon a súa morte non están de todo claras, xa que a súa traxectoria política dera un claro xiro moderado nas últimas etapas da súa vida. Os seus restos mortais, despois de ser identificados pola familia, serían enterrados primeiro en Redondela e actualmente descansan no camposanto vigués de Pereiró.
 
Obras
Lustres desenvolveu unha ampla cantidade de escritos, que abranguen desde a súa faceta como autor de teatro, a articulista ou autor de prosa, e incluso chegou a facer unha guía de viaxes polas Rias Baixas co mar como fondo.
Reuniu os seus ensaios na obra “Pandemonium” (1917), publicou un folletín en “La Correspondencia de España” de Madrid: “La Fratricida”. Un dos seus mais destacados traballos foi como dramaturgo, e estreou en Vigo en 1923,  en colaboración con Ramiro F. del Valle,  a comedia en dous actos,“La hora grande”, que se representaría no Teatro Tamberlick. Con Ramón  Fernández Mato estreou a comedia, “Peregrino de la ilusión”. Tamén  publicou en galego diversos artigos en xornais e  revistas como  “ A Nosa Terra”. Lustres recibiría numerosos galardóns e sería considerado mestre de xornalistas. No momento da súa detención era presidente da Asociación da Prensa de Vigo e amais director da “Hoja del Lunes de Vigo”.
 Manuel Lustres quedaría no esquecemento e soamente Ribeira recuperaría a súa traxectoria coa dedicatoria dunha rúa, poñendo o seu nome ó centro cultural e concedéndolle o título de Fillo Predilecto a título póstumo o 5 de decembro de 1986. Lustres segue a ser hoxe o gran descoñecido para o resto do país.

Santa Isabel, 95 anos. Estrenase na rede o documental “A lenda do Santa Isabel”

 Este 2 de xaneiro cúmprense 95 anos do naufraxio do vapor-correo Santa Isabel, que embarrancou nos baixos de Sálvora en 1921 ocasionando a morte de 213 persoas, delas 64 nenos. O aniversario é aproveitado por un grupo de alumnos da Facultade de Comunicación da Universidade de Santiago para a realización do documental ”A lenda do Santa Isabel”.

O guión da reportaxe mistura tradición e historia e así se une a lenda de Mariña e a historia do naufraxio do buque. O documental recolle a morte de Roldán e como a serea Mariña decide regresar ás profundidades das augas de Sálvora. Antes bota unha maldición: o primoxénito de cada liñaxe dos Mariño debe ser entregado ao mar onde morrerá afogado. Os autores do documental fan a conexión co naufraxio do Santa Isabel onde faleceron boa parte da pasaxe e da tripulación e do que unicamente se salvaron 56 persoas.

O documental recolle a lenda como simbolismo da cantidade de xente que morre no mar e o pesar que causa nunha comunidade que vive del como é a destas costas. De feito, a reportaxe remata coa seguinte pregunta retórica: Cal é a familia desta comarca que non ten mortos no mar?. Na reportaxe interveñen Xosé María Fernández Pazos, historiador, xornalista e mestre, autor do libro “Sálvora, memoria dun naufraxio. A traxedia do Santa Isabel”, texto no que se recuperou hai caseque 20 anos a historia do naufraxio e as lendas da illa ribeirense; Antonio Piñeiro, profesor, escritor e historiador, Pura Fernández Gude, sobriña de María Fernández Oujo, unha das heroínas de Sálvora e Manuel ‘De López’ e Silva, dous mariñeiros xa retirados da comarca. O documental empeza e remata falando sobre o mar e o seu simbolismo. As entrevistas foron feitas no Porto de Aguiño, no Faro de Corrubedo, no Porto de Palmeira en O Castro en Castiñeiras. Tamén foron gravados planos na Illa de Sálvora, na Praia da Catía, en Corrubedo, en Palmeira, en Ribeira, entre outros lugares.

O documental foi gravado e editado por Antonio Mosquera Montoya, Ana Rial Maneiro, Iago Sánchez Caridad, Laura Seijo Vigo, Pablo Montero Castro, Pablo Portela Rodríguez e Sara Pérez Seijo, que traballaron intensamente na guionización, entrevistas e recursos do mesmo durante varios meses. A reportaxe ten una duración de 17 minutos e pode ser visto partir deste 2 de xaneiro 95  aniversario do naufraxio.

 

  Antonio Mosquera Montoya, Ana Rial Maneiro, Iago Sánchez Caridad, Laura Seijo Vigo, Pablo Montero Castro, Pablo Portela Rodríguez e Sara Pérez Seijo.

20150822 Reportaxe La Voz de Galicia sobre riveira.eu

La Voz de Galicia dedicounos o sábado unha pequena reportaxe o noso portal www.riveira.eu, como consecuencia tivemos mais de 1.270 visitas nun día o que anima a seguir adiante con este pequeno proxecto. No que vai de verán superamos xa as 17.000 visitas e mais de 600 siareiros no facebook. Grazas a todos polo apoio e seguiremos subnido 2 ou 3 imaxes por semana.
Por certo animaros a participar e facer comentarios ou mandar fotos.

La Voz de Galicia, 20150822

La Voz de Galicia, 20150822

1965 Corrubedo

Esta fotografía ofrecenos unha perspectiva de Corrubedo no ano 1965, en concreto a  finais do mes de xullo.Trátase dunha imaxe  de pequeno tamaño que forma parte da miña colección particular. Corrubedo é un dos pobos mais emblemáticos da nosa costa,  aparece xa citado nos mapas da baixa idade media pola sua costa considerada o inicio da Costa da Morte. A principios do século XIX formou parte do incipiente e breve Concello de Olveira, que xunto os de Carreira, Palmeira e Santa Uxía  integran o actual de Riveira.

1965 Corrubedo

                                     1965 Corrubedo

2015 Entrevista a Cesáreo Canabal sobre o libro da parroquia

O sábado 11 de xullo o programa “A Revista de fin de semana” da TVG emitiu unha reportaxe sobre o libro “Santa Uxía, Ocho siglos de Comunidad” no que se recolle unha entrevista a Cesáreo Canabal Castro, párroco de Santa Uxía. Recuperamos esa peza de pouco mais de tres minutos.

 

 

2015 “Santa Uxía de Ribeira, ocho siglos de comunidad”

 O venres día 24 de abril mais de 120 persoas  participaron na presentación da obra “Santa Uxía de Ribeira, ocho siglos de Comunidad” que tivo lugar na Aula de Teoloxía Manuel Guerra Campos da parroquia de Santa Uxía de Ribeira. Tratase dun libro conmemorativo dos 150 anos da consagración do templo parroquial no que se recolle amais a historia documental da parroquia desde a súa primeira aparición no ano 1200 ata o século XX. O longo das súas 240 páxinas analízanse os documentos, a ourivería, a imaxinería, os edificios, as tradicións, os persoeiros da igrexa local, as relacións da parroquia con outros colectivos e as actividades desenvolvidas nos seus aspectos sociais, caritativos, formativos e teolóxico.
OS BENEFICIOS INTEGROS DO LIBRO IRAN DESTINADOS A OBRAS SOCIAIS DA PARROQUIA. PARA CONSEGUIR UN EXEMPLAR ESCRIBIR A:  parroquiadesantauxiaderibeira@gmail.com    ou ben nas librarias de Ribeira.
De esquerda  a dereita:  Cesáreo Canabal (Párroco) acompañado de parte dos autores Esther Del Castillo, Antón Luaces, Xosé María Fdez.Pazos (Coordinador da obra) e Manuel Mirás secretario de Cáritas Ribeira.

De esquerda a dereita: Cesáreo Canabal (Párroco) acompañado de parte dos autores Esther Del Castillo, Antón Luaces, Xosé María Fdez.Pazos (Coordinador da obra) e Manuel Mirás secretario de Cáritas Ribeira.

Dez autores desde profesores da universidade, institutos, historiadores, xornalistas, teólogos e fregueses, traballaron de maneira altruísta e nesta obra durante mais de dous anos coordinados polo historiador e xornalista, Xosé María Fernández Pazos. “Santa Uxía de Ribeira, ocho siglos de comunidad” leva una introdución do Arcebispo de Santiago, Monseñor Julián Barrio Barrio e un saúdo do párroco, Cesáreo Canabal Castro.

O longo do texto o lector descubrirá os documentos máis vellos no que aparece a orixe do primeiro topónimo da parroquia no século XIII. A obra está impresa a todo cor en tapa dura e profusamente ilustrado con preto de 300 fotografías e reproducións de documentos, moitos deles cedidas polos fregueses. Os beneficios do libro serán destinados integramente a obras sociais da parroquia de Santa Uxía e pódese conseguir nas librarias da localidade que colaboran xenerosamente na súa venda.

Coa edición deste libro completanse os actos conmemorativos do aniversario do templo que tivo o pasado 23 de novembro a inauguración do museo parroquial.

© 2017: Riveira na memoria | Easy Theme by: D5 Creation | Powered by: WordPress